Todos os que formamos a Asociación e a Fundación Xoán XXIII queremos render unha sentida homenaxe ao noso presidente Magín Alfredo Froiz Plans falecido recentemente. Nestes días publicáronse multitude de novas sobre a súa gran profesionalidade, valía, xenerosidade, altruismo,… A nosa entidade quere sumarse a este recoñecemento e facer participe a toda a cidadanía e á súa familia, do noso máis sincero agradecemento así como poñer en valor todas estas extraordinarias calidades da súa persoa que tanto nos demostrou. O certo é que, hai xa máis de 30 anos da nosa relación co Grupo Froiz e o seu fundador, tempos nos que era moi difícil atopar empresarios que se arriscasen a ofrecer traballos ocupacionais a entidades como a nosa. Esta actividade supoñía e supón, unha ferramenta terapéutica para persoas con discapacidade intelectual, que polas súas características, non poden realizar un traballo ordinario. Para moitos empresarios, é difícil de entender esta aposta porque non coñecen os nosos centros, os nosos servizos e a nosa forma de traballar coas persoas. Pero foi el o que tivo esa capacidade de escoita e comprensión, de querer coñecer máis a fondo o noso proxecto; foi el o que dedicou tempo e entusiasmo en saber máis sobre a entidade, os seus fins e valores; foi el o que apostou por contratar servizos a persoas con discapacidade intelectual e, abofé, foi el o que, co seu exemplo, motivou a outras empresas. Pero o seu labor non quedou aí. Cando se lle ofreceu formar parte do nivel estratéxico da entidade como vogal na súa Xunta Directiva e Padroado, e posteriormente como presidente, xa non podía dicir que non. Porque o que ten a Asociación Juan XXIII, e as persoas que o forman, é que engancha ás persoas boas, solidarias e empáticas como el. Desta maneira o seu compromiso coa defensa dos dereitos das persoas, coa mellora da súa calidade de vida e a das súas familias, coa loita pola inclusión social e laboral, xa formaba parte do seu día a día. Entregando sempre a esta causa horas, días e, sabemos que tamén, preocupacións ao longo dos seus anos entregados a esta entidade. Grazas a este labor sempre xeneroso e altruísta, o Sr. Magín, que ostentou a presidencia da Asociación e Fundación Juan XXIII desde o 2017, impulsou e financiou diferentes proxectos e programas que puxemos en marcha ao longo destes anos, cunha auténtica paixón e interese que sentía por todas aquelas persoas con discapacidade intelectual que foi coñecendo, ás cales sempre lle encantou escoitar e apoiar. Pero sempre desde a discreción, a integridade e a prudencia que tanto lle caracterizaban. Foi unha persoa moi querida entre todas as persoas que tivemos o privilexio de coñecelo, desas que deixan unha pegada indeleble. E sabemos que esta unión de forzas entre este grupo empresarial e a entidade seguirá sendo viva porque el así o desexaría. A familia Juan XXIII lamentamos a súa irreparable perda, e queremos facerlle chegar, alí onde estea, o noso máis sincero agradecemento por todos estes anos de inestimable axuda, de entrega totalmente desinteresada a esta causa e por compartir todo a súa saber e profesionalidade. Alí onde esteas… Grazas! Ata sempre. |

Homenaxe D.Magín Froiz
|