A Asociación Juan XXIII, no seu obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, puxo en marcha un proxecto de Terapias Innovadoras co fin de aliviar as doenzas a nivel físico e mental coas que conviven a diario.

Para iso, adquirimos dous dispositivos de alta tecnoloxía como son Indiba AT7 e unha cabina terapéutica con estimulación cognitiva multisensorial “Lucía”, grazas á colaboración do Plan Social ENCE de 2024. Trátase de tratamentos punteiros no noso sector e que, sen dúbida, supoñerá un impacto en canto á redución do número de visitas aos centros de saúde das persoas con discapacidade intelectual.

Por unha banda, Indiba é unha tecnoloxía de radiofrecuencia que estimula a rexeneración celular, reduce a inflamación e alivia a dor, mellorando a circulación, osixenación e reparación dos tecidos de forma natural. É un tratamento seguro, non invasivo e indoloro, que se aplica tanto en fases agudas como en crónicas de dor articular asociado a artrite ou artrose, así como na inflamación de tecidos lesionados ou como tratamento de lesións musculoesquéticas.

Doutra banda, a cabina terapéutica é un dos sistemas máis avanzados de hidroterapia actualmente dispoñibles especialmente indicado para persoas con mobilidade reducida que logra que as persoas usuarias obteñan melloras importantes en canto a relaxación, redución de problemas de conduta e diminución do estrés, todo iso grazas aos beneficios da estimulación sensorial, a cronoterapia, a musicoterapia e a terapia da auga.

O devandito equipamento é manexado por profesional sanitario cualificado para a aplicación destas terapias innovadoras coas que esperamos contribuír a mellorar o benestar físico e emocional das persoas con discapacidade intelectual ás que prestamos servizo.