A Asociación Juan XXIII reactiva a súa actividade nos Centros de Adultos de Pontevedra e Cangas a partir do 15 de xullo tras a autorización da Xunta de Galicia. Esta aprobación é concedida tras verificar o seu Plan de Reactivación para a prevención do contaxio do virus COVID-19, a asistencia a actividades formativas de varios profesionais e a provisión tanto de Equipos de Protección Individual como de material sanitario e hixiene (máscaras hixiénicas, termómetros,…) Desde hai un mes, a entidade xa viña prestando servizos de forma presencial con cita previa de fisioterapia, terapia ocupacional, atención psicolóxica e mantemento cognitivo, á vez que se ofrecían apoios a través de videoconferencias ou de forma telefónica. Esta reapertura supón un paso máis na normalización dos servizos que se realizará de forma gradual, dinámica e flexible, co fin de garantir as condicións hixiénico-sanitarias de todas as persoas e limitar a expansión do virus. Farase en tres etapas, cada unha delas con 15 días de duración. Na fase inicial prevista para esta segunda quincena de xullo haberá un 50% de ocupación, é dicir, coa asistencia de aproximadamente 90 persoas con discapacidade intelectual. As seguintes etapas levaránse a cabo a partir de setembro, posto que o mes de agosto tradicionalmente é de vacacións, de modo que a etapa 2 comezará a partir do día 1 cun 75% do aforo e un último período despois do día 15 dese mesmo mes xa cun 100% de ocupación. É importante salientar que desde que se decretou o estado de alarma, tanto as persoas con discapacidade intelectual como as familias sentironse acompañadas en todo momento grazas ao programa de seguimento e asesoramento que se adaptou ás extraordinarias circunstancias do momento. Actualmente, a Asociación conta cun Plan de Acción moi estrito que supuxo a reorganización das actividades, establecendo “unidades burbulla” co obxectivo de minimizar a interacción entre as persoas usuarias e os profesionais para reducir riscos no suposto caso que se produza algún brote. Ademais, a entidade adoptou outras medidas de seguridade que implicou a adecuación dos espazos, desenvolto actividades formativas, adquisición de material de protección, elaboración de protocolos de actuación e reforzo dos labores de limpeza e desinfección. Esperamos desta forma garantir a prestación de servizos de forma segura e reafirmar o noso compromiso de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias. |

Reactivacion servizos
|