A Asociación Juan XXIII de Pontevedra, con máis de 48 anos de experiencia na promoción e a formación de persoas con discapacidade intelectual en todas as súas etapas vitais, traballa en diferentes liñas de acción con diferentes estruturas de apoio para facilitar a integración laboral das persoas ás que presta servizos. Nesta ocasión, en colaboración con FADEMGA Plena Inclusión Galicia (Federación Galega de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento), promove a preparación de oposicións para superar o proceso selectivo convocado pola Xunta de Galicia, concretamente para a cobertura de 6 prazas de ordenanza.
Un grupo de usuarios/as da propia Asociación, así como persoas doutras asociacións da provincia de Pontevedra, prepáranse para esta Oferta de Emprego Público que está orientada en exclusiva a persoas con discapacidade intelectual, tal e como se recolle no DOG publicado o 7 de marzo de 2016. As clases son impartidas nas instalacións que a Asociación Xoán XXIII ten en Pontevedra, por un formador de FADEMGA Plena Inclusión Galicia durante todos os xoves de 10:00 a 14:00 horas, onde os asistentes estudan o temario obxecto da convocatoria e realizan simulacros de exames. Ademais, durante unha hora semanal tamén teñen oportunidade de asistir a clases de reforzo cun técnico da propia Asociación para resolver dúbidas e asimilar mellor os conceptos explicados nas clases e que cada un deles estudan na súa casa. Está previsto que as probas selectivas realícense despois do 1 de setembro e que as persoas que o superen poidan incorporarse ao seu posto antes de finalizar o ano. Tamén hai que subliñar, que aqueles aspirantes que aproben o primeiro exercicio pero non superen o proceso selectivo terá a consideración de mérito polo que puntuarán nas futuras listas de emprego temporal para persoas con discapacidade intelectual que vai impulsar a Xunta de Galicia. Desde a Asociación Juan XXIII, cremos que as políticas activas de emprego e de discriminación positiva son un gran avance para a a verdadeira integración social e laboral das persoas con discapacidade intelectual polo que apoiamos que se fomente a súa aplicación, xa que, sen ningunha dúbida, repercutirá na mellora da calidade de vida das persoas. Aínda así, queda moito por facer e desde esta entidade seguirase impulsando prácticas que aposten sempre polo principio de igualdade de oportunidades. |

Promovemos a preparación de oposicións para persoas con discapacidade intelectual
|